TAREFA 2 ESTEAM (2º TRIMESTRE) : NEN@-ARQUITECTURA


Unha tarefa na que avanzamos dende o coñecemento de aspectos ligados a arquitectura ata a creación de prototipos e estruturas en gran tamaño.



1. COMPROMISOS: Seguimos avanzando na consolidación do concepto de compromiso. Estes conforman eses obxectivos persoais ligados ao desenvolvemento como actores dun equipo. Para isto analizamos que aspectos debe mellorar cada un, tanto para evolucionar de xeito individual, pero poñendo especial énfase no que precisa o equipo de cada un/unha para funcionar mellor. É un dos xeitos que utilizamos para interiorizar que no traballo en equipo deixamos de ser “eu” para ser “nós”, partimos da participación individual e cooperativa para conformar resultados como equipo.








2.  INVESTIGACIÓN:: comezamos a tarefa cunha chuvia de ideas o carón da arquitectura recopilando o que sabemos e contrastando a información coas achegas do grupo e do profesor.



Tras isto establécense tres liñas de investigación en cada un dos grupos:

- Arquitectura en Galicia.
- Casas do mundo.
- Partes da vivenda.


Os equipos investigan coa axuda de textos adaptados, libros, vídeos e o que denominamos “Caderno de arquitecto/a”.

Volcamos o aprendido nun Thinking Map e mesturamos o alumnado para que cada un/unha explique o aprendido os seus compañeiros/as dos outros equipos.


3. ESTRUTURAS A TRAVÉS DE FIGURAS PLANAS E FIGURAS EN 3D. Avanzamos no concepto de estrutura arquitectónica traballando as figuras planas e figuras en 3 dimensións, construíndoas con palillos e plastilina. Comezamos coas más básicas ata outras máis complexas, poñendo especial énfase no cubo e na pirámide cuadrangular como estrutras clave para o seguinte nivel de construción. Este é un traballo individual onde o neno vai asumindo retos, nivelando o seu esforzo ata acadar as metas marcadas tanto polo propia actividade coma por un mesmo.


Este seguinte nivel o exemplificamos cun material específico para a creación de estruturas en gran tamaño. Deste xeito, o alumnado executa, esta vez nunha escala maior, o que antes realizou con palillos en pequeno tamaño. Finalizamos esta construción con teas que nos serven para resolver necesidades da propia creación, como incluir a cuberta, as paredes, fiestras, portas, etc.; antes traballadas na fase de investigación.




4. ESTRUTURAS COMPLEXAS E RETO: Elaboramos unha estrutura arquitectónica primeiro con palillos e plastilina, e despois co material nunha escala maior.


Avanzamos coa lectura e interpretación de planos, e propoñemos retos en canto a número de alumando que ten que caber dentro da construción.


Repartimos roles dentro dos equipos para mellorar a cooperación, implementando o/a portavoz, encargado/a de recopilar as necesidades de material e acudir onde o docente a conseguilo. Deste xeito, fomentamos competencias ao carón da comunicación, tanto dentro do equipo, como fóra do mesmo, favorecendo a organización do traballo e a competencia en comunicación oral.




PINCHA AQUÍ PARA VER A GALERÍA DE FOTOS E VÍDEOS DESTA TAREFA

Comentarios